A tradicional implantación socialista na vila de Allariz


Malia a hexemonía nacionalista dos últimos anos na vila de Allariz, moi poucas persoas saben que tempo atrás a implantación socialista en terras alaricanas estaba lonxe de ser testemuñal. Tal é así, que as primeiras novas da chegada do ideario socialista a esta vila témolas xa en 1913, cando foi creada a Sociedade de Dependencia de Comercio e Banca de Allariz, segundo nos informa El Socialista. Ese mesmo ano a sociedade alaricana participou na I Asemblea de Sociedades de Dependentes de Comercio de Galicia celebrada en Vigo, á que acudirían tamén as recentemente organizadas sociedades do ramo de Ourense, Celanova e Verín para adherirse á socialista Unión General de Trabajadores (UGT) .

A Sociedade de Dependencia e Comercio de Allariz será, sen ningún xénero de dúbidas, o corazón socialista da vila, establecendo como centro neurálxico un Centro Obreiro do que lamentablemente non puidemos saber a súa localización. Será este un lugar de encontro para republicanos e esquerdistas, amantes do progreso, obreiros, artesáns e labregos, pero en calquera caso, homes e mulleres comprometidos cuns valores de liberdade, democracia e igualdade social que non todos estaban dispostos a asumir.

Pioneiros en terra hostil, foron eles os encargados de espallar o seu ideario por diferentes localidades do municipio, sobre todo a partir do ano 1926, momento no cal se celebrou en Lugo o I Congreso Agrario Socialista de Galicia –inicialmente previsto en Ourense- coa intención de organizar un movemento agrarista de carácter socialista que frease as aspiracións un tanto dirixistas de Basilio Álvarez. Así pois, froito dunha intensa campaña informativa nacida ao abeiro da recente promulgación da Lei de Redención Foral de 1926, nacerá dous anos despois a Sociedade de Agricultores de Santa Baia (1928) e a Sociedade de Agricultores e Oficios Varios de Nanín (1928), consolidando así a presenza socialista nas terras de Alarico.

O segundo e definitivo impulso a expansión do ideario socialista en Allariz hai que buscalo nas intensas campañas informativas levadas a cabo pola UGT entre os traballadores da liña do ferrocarril de toda a provincia que, entre outras, darán lugar á creación de diversas sociedades de traballadores do ferrocarril ou de sociedades  de oficios varios adheridas ao ramo da edificación da UGT, como é o caso das do veciño concello de Paderne de Allariz onde o asociacionismo obreiro contaba cunha fortísima implantación e grande capacidade de difusión.

É así como se entende que nas eleccións de 1931 diferentes membros das sociedades agrarias vencelladas á UGT do concello de Allariz se afixeran con 15 das 17 actas de concelleiros, tal e como nos informa o órgano socialista La Lucha.  Con todo, sendo hexemónica na zona a presenza da UGT, hai que ter en conta que no seo destas sociedades obreiras encontraban tamén refuxio traballadores de diferentes ideoloxías, desde comunistas –moi numerosos a partires de 1932 por mor do descontento causado pola paralización das obras do ferrocarril sendo Indalecio Prieto Ministro de Fomento- a anarquistas ou republicanos máis ou menos moderados interesados en mellorar as súas condicións de vida e traballo. É por iso que resulta pouco probable que efectivamente as fozas socialistas contaran con 15 concelleiros, aínda que si  podemos considerar que foi a forza maioritaria e gobernou a vila no primeiro bienio republicano. Lamentablemente, a queima dos arquivos municipais e os libros de actas deste período –segundo nos din no arquivo do Concello de Allariz- fan imposible confirmar este e outros aspectos,  como a identificación deste primeiro goberno republicano e socialista.

A perda dos goberno municipal tras as eleccións de decembro de 1933 e a represión e detencións practicadas tras a folga revolucionaria de 1934 –que no partido xudicial de Allariz cobrou certa importancia pola posta en marcha de diferentes accións de sabotaxe– desmobilizaron en certa medida aos simpatizantes e votantes das forzas obreiristas, que en 1936 tampouco foron quen de afacerse novamente co goberno local en Allariz.

O período previo ó golpe militar fascista de xullo de 1936 caracterízase polos fortes enfrontamentos entre o alcalde da vila, Aser Seara Pavón, e os membros máis á esquerda das sociedades obreiras e agrarias radicadas do municipio, erixíndose no seu principal opositor o panadeiro Julio Babarro Álvarez. Este home de tendencia largocaballerista foi un activo organizador da manifestación obreira do 1º de maio na vila, férreo defensor do pirotécnico Felisindo Conde Cid –que estivera no cárcere acusado de desacato e do que se sospeitaba desexaba atentar contra o Casino da vila-, e un dos primeiros organizadores da escasa resistencia ao golpe que houbo en Allariz, chegando a coordinar a requisa de armas e a recruta de homes en distintos puntos do municipio. Tras a súa detención foi xulgado por un delito de rebelión militar, condenado a morte e executado no Campo de Aragón o 29 de decembro de 1936, cando contaba con tan só 43 anos de idade.

Tamén foron vítimas do odio e a intolerancia os compañeiros:
  •           Benito Álvarez Limia: Labrego e Presidente das Sociedade de  Agricultores e Oficios Varios de Nanín entre 1929 e 1934.  Xulgado por tenencia ilícita de armas. Segundo os informes da propia Grada Civil non participara activamente na defensa da República, mais foi encartado por unha serie de informes negativos sobre a súa persoa que constaban a raíz dunha solicitude por súa parte dunha praza de axente de policía honorario.

  •           Felisindo Conde Cid: Pirotécnico, veciño de Folgoso-Guede, foi xulgado por rebelión militar e sentenciado a morte. Morreu fusilado no Campo de Aragón o 29 de decembro de 1936 contando con só 35 anos de idade.

  •           Julio Fuentefría García: Tamén panadeiro, participou na requisa de armas por distintos puntos do concello. Foi detido e xulgado por rebelión militar, impóndoselle unha condena de cadea perpetua.

  •          José González Quintana:  Labrego e veciño de Santa Baia, foi xulgado por rebelión militar e executado no Campo de Aragón o 29 de decembro de 1936, tiña 46 anos.

  •           Ramón Pérez Anglade: Chofer e veciño de Urrós, foi executado o 17 de setembro de 1936 no Campo de Aragón.

  •          Miguel López Fernández: Labrego e veciño de Allariz, foi declarado en rebeldía e xulgado por deserción, contando entón con 25 anos.

  •       Julio Pérez Cid: Veciño de Santa Mariña de Augas Santas de 29 anos, foi xulgado por rebelión militar, mais foi sobresida a súa causa.

  •     Guillermo Pérez Conde: Chofer e veciño de Allariz, foi xulgado por rebelión militar e sentenciaado a cadea perpetua.

  •          Aurelio Tesouro Fernández: Mestre de Tosende e afiliado á ATEO desde maio de 1931, viuse na obriga de ingresar en filas


  •          Manuel Ruíz Ruíz: Comerciante e veciño de Allariz, era coñecido por participar sempre como abandeirado nas manifestacións obreiras da vila e alistouse voluntariamente para evitar as represalias. Tan só 20 días despois da súa incorporación desertou e incorporouse ao bando republicano, chegando a acadar o grao de sarxento.Capturado en 1940, foi xulgado por adhesión á rebelión e foi condenado morte, malia que lle foi conmutada a pena por cadea perpetua. Ingresou no cárcere de Celanova.

Nin esquecemos, nin perdoamos. 
O noso recoñecemento ós mártires da liberdade, a democracia e a xusticia social.

FONTES:

Publicacións populares deste blog

Armando Fernández Mazas: o pioneiro na recuperación da memoria histórica en Ourense

Historia do movemento obreiro socialista na provincia de Ourense (1895-1936)