Armando Fernández Mazas: o pioneiro na recuperación da memoria histórica en Ourense


Armando Fernández Mazas, esquecido mesmo polos seus propios correlixionarios, foi un destacado membro da ATEO (Asociación de Trabajadores de la Enseñanza de Orense) nos tempos da IIª República. Mestre de profesión, pasou polas escolas de Bóveda de Amoeiro e Villariño en Pereiro de Aguiar, sendo un profesional comprometido co ideario republicano e progresista.

Ideoloxicamente estaba situado podería ser definido como troskista, tendo militado en Izquierda Comunista de España e no POUM, así como afiliado á UGT tras o ingreso da ATEO na FETE (Federación Española de Trabajadores de la Enseñanza).

Tras o Golpe de Estado de 1936, fuxe e permanece escondido en Castro Caldelas e Castro Leboeiro cunha identidade falsa, pasando despois a vivir en Valencia ata que é detido en 1955. A partir de 1963 reincorpórase ao maxisterio, exercendo na Gomera e en Pombeiro, no concello lugués de Pantón, ata a súa xubilación en 1975. Coa morte de Franco participa na reorganización do PSOE en Ourense da man de vellos superviventes socialistas da Guerra Civil, xa que Ramiro Escudero e Julio Freijido -presidente e secretario do PSOE na clandestinidade- faleceran pouco tempo atrás. 

Segundo el mesmo nos conta no seu libro  Política y pedagogía. Memorias de un maestro de la ATEO, viviu con certo desencanto o renacer do socialismo ourensán, pasando entón a fundar a FETE-UGT ourensá en 1977 e centrando os seus esforzos en recuperar a obra artística do seu irmán Cándido Fernández Mazas.

A través da obra de Armando Fernández mazas temos coñecemento do que posiblemente sexa o primeiro intento por recuperar a memoria dos represaliados en Ourense por medio dun manifesto da Agrupación Socialista de Ourense de 1976 que non chegou a ver a luz por mor do temor ou a incomprensión dos seus propios compañeiros.

É por iso que pasamos a transcribir aquí ese texto cargado non só de valor simbólico, senón tamén dun indubidable valor histórico. Vaia pola súa memoria e pola de todos os que sufriron a barbarie.

Manifesto da Agrupación Socialista de Ourense ao pobo traballador (1976)

Ourensáns:

Eiquí estamos de novo. Agora a cara descuberta. O entroido franquista está esmorecendo e vése obrigado a deixar libre a constitución dos partidos da oposición democrática.

É tradicional e cortés, nas organizacións socialistas, explicar á clase traballadora, nos momentos importantes das súas vidas políticas, a súa posición nun manifesto. Pois ahí vai o noso.

Mais, antes de nada, queremos que as nosas primeiras verbas púbricas sexan unha fonda e agarimosa lembranza dos nosos mártires. Cómpre recordar eiquí aos Presidentes e Secretario desta Agrupación no ano 36: MANUEL SUÁREZ e XOSÉ FERNÁNDEZ, ambos fusilados polo franquismo. Aos Presidentes e secretario das Xuventudes Socialistas, compañeiros RAMÓN FUENTES CANAL  e ANTONIO TABOADA, tamén fusilados, e tantos outros innumerables mártires que perderon a súa vida pola causa socialista. Tamén temos que recordar con saudade e agarimos ao Presidente  e Secretario da Agrupación de Ourense durante os longos anos da clandestinidade: RAMIRO ESCUDERO e XULIO FREIXIDO, falecidos fai poucos anos, e que desempeñaron o cárrego con exemplar lealdade e firmeza. Pra todos as nosas lembranzas e a gratitude do pobo.

COMPAÑEIROS: seguimos no mesmo. A traballar pola democracia e o socialismo, como hai corenta anos. O noso programa é ben sinxelo: “a defensa dos intereses da clase traballadora”, a máis progresiva e a única que pode garantir un proceso futuro de xustiza, paz e liberdade. Iste programa vai cumplir agora 100 anos. Pablo Iglesias foi o fundador. Non necesitamos troca-lo. Nos primeiros anos acolleu a todos os socialistas, e pode seguir sendo centro de xuntanza e de reunión pra todas aquelas instituciós, homes e mulleres que defenden a causa obreira. Non pedimos máis ca respetar a democracia interna no Partido, posto que non podemos pedir democracia pra todos, si n on a respetamos na nosa casa. A defensa dos intereses do proletariado ten que ser obra de todos. Por iso, nosa agrupación quere que iste MANIFESTO sexa un CHAMADO ao pobo traballador pra que nos axude a realizar a laboura de defensa e redención da clase máis explotada. Despois da escura, longa, e pecha noite franquista, albíscase no hourizonte, unha alborada de liberdade. Non desaproveitemos o intre e xuntémonos todos na construcción da democracia e o socialismo. O PSOE (Federación Provincial de Ourense) espera e confía na vosa axuda e colabouración.

Enviamos un saludo fraterno e amistoso aos demais Partidos que representan á clase e que con nós defenden por outros medios os postulados marxistas. No camiño podémonos encontrar e traballar xuntos.

Por último, cómpre destacar as reivindicaciós máis inmediatas por as que loitamos:

¡POLA AMNISTÍA TOTAL!

¡POR UNHAS ELECIÓS LIBRES E DEMOCRÁTICAS!

¡PORO DEREITO DE VOTO PRA MOCEDÁ DENDE OS 18 ANOS!

¡POLA DISOLUXIÓN AIXIÑA DO MOVIMENTO NACIONAL! (que non pinta nada e custa máis de mil millós de ptas. ós dez anos).

¡POLA LIBERDADE SINDICAL!

¡POR UNHA GALICIA SOCIALISTA!

                                                     A Comisión Executiva da Agrupación Socialista de Ourense.


Nin esquecemos, nin perdoamos. 
O noso recoñecemento ós mártires da liberdade, a democracia e a xusticia social.

FONTES:
  • FERNÁNDEZ MAZAS, Armando (1995): Política y pedagogía (Memoria Teórica de un Maestro de la ATEO), Ourense:Ediciones Andoriña.



Publicacións populares deste blog

No fue en Eibar, fue en Ribadavia. La proclamación de la II República.

A tradicional implantación socialista na vila de Allariz

Ricardo Feijoo Varela (1875-1949): socialista e fundador da Casa do Pobo de Celanova