Castor Sanchez Martínez: A conquista da cidadanía



A obra que se presenta constitúe o máis completo e fiel retrato dunha persoa exemplar: Castor Sánchez Martínez. O profesor Xulio Prada bríndanos esa oportunidade, e mellor é que de paso ás súas verbas para adentrarnos en tan admirable descripción:

"A historia da humanidade é, en gran medida, a loita por conquistar o que os teóricos dos movementos sociais deron en chamar os dereitos de cidadanía ou, simplemente, a cidadanía. Acadar a plena condición de cidadáns require algo máis que ser suxeito dos dereitos civís e políticos que o proceso de construción do Estado liberal permitiu estender aos individuos —primeiro a os homes e máis tarde ás mulleres— ao longo do século XIX e os primeiros anos do pasado século XX. Esixe, tamén, ver recoñecidos ao mesmo nivel os dereitos sociais e asegurar un modelo de Estado e de gobernanza que garantan a procura duns niveis mínimos de benestar para todos eles."

"Cando Castor Sánchez Martínez deu comezo á súa particular traxectoria de axitador agrario polos Chaos e as Bocarribeiras de Amoeiro, a cidadanía, entendida como o status que posúen o membros dunha comunidade iguais en dereitos e obrigas, nin sequera existía como concepto. De feito, ningunha das categorías de dereitos que engloba este termo estaba asegurada na práctica para a totalidade dos seus habitantes. A liberdade e a igualdade ante a lei estaban recoñecidas no plano formal, pero nin unha nin outra eran reais cando un pobre pretendía facelas valer diante dos señores dos pazos, os pastores das almas, os funcionarios da Administración ou os favorecidos pola fortuna ou o oficio."

"Todos os homes, ricos e pobres, podían, conforme ás leis vixentes, asociarse para a defensa dos seus intereses e elixir libremente aos seus representantes no municipio e nas Cortes, pero na práctica non había eleccións, e cando as había os que sempre mandaran seguían dispoñendo dos sufraxios dunhas masas para as que ganar o sustento diario representaba unha tarefa hercúlea que consumía todas as súas enerxías."

"A educación, a sanidade e a protección social eran patrimonio duns poucos. Os máis nin sequera estaban en condicións de imaxinar que puidese chegar o día en que os poderes públicos estivesen obrigados a velar porque todos tivesen acceso a elas. No entanto, neses anos decisivos da adolescencia, que naquela época apenas se prolongaba o tempo dun suspiro, o noso protagonista tivo ocasión de escoitar as primeiras voces que se alzaban, redentoras e engaiolantes, no agro galego. Os seus apóstolos eran de moi variada procedencia e tomaran contacto de moi diferentes formas coas «ideas avanzadas», expresión popular da época que reflicte con claridade a mestura de propostas que cada quen formulaba segundo as súas particulares concepcións, pero que tiñan o común denominador de propugnar un cambio radical no estado de cousas existente. Tan radical que, en pouco máis de dúas décadas, o mundo que aqueles homes e mulleres tiñan ante os seus ollos parecía ter mudado máis que en todos os séculos precedentes."

"A conxuntura histórica que lles tocou vivir propiciou que ata nas máis remotas aldeas aparecesen moitos visionarios que, agora si, atrevéronse a soñar e a predicar un mundo mellor e máis xusto. Pero entre tales mesías foron os menos os que souberon conxugar a teoría e a acción, o discurso e a praxe, o desexado e o posible. Castor Sánchez Martínez foi un deses homes que imaxinou para os seus veciños un mundo no que todos e todas seríancidadáns de pleno dereito e no sentido moderno da expresión. Primeiro, como axitador agrario e mensaxeiro da redención dos foros. Máis tarde como propagandista do asociacionismo dos máis desfavorecidos, fosen labregos, xornaleiros, humildes empregados ou traballadores por conta propia. Despois como xestor municipal, liderando a un grupo de homes que crían firmemente na potencialidade da súa terra e das súas xentes."

"Ser socialista na España dos anos trinta equivalía a ser revolucionario. Pero se podía ser revolucionario defendendo que o proletariado debía tomar o poder de xeito violento ou, pola contra, que era preciso conquistar este por medios democráticos e, a través da acción de goberno, mellorar as condicións de vida dos máis desfavorecidos ata conseguir un cambio no estado de cousas herdado que resultase autenticamente revolucionario. Castor Sánchez Martínez cría máis nesto último que no primeiro. E por iso o máis notable e fecundo da súa acción política manifestouse durante os anos en que as forzas progresistas camiñaron, malia as diferenzas que as separaban, unidas polo común desexo de estender os dereitos de cidadanía a todos os homes e mulleres dun concello que moi ben puidera representar a todos os de Galicia e mesmo do Estado."

"E por iso, o mesmo acabou por enfrontarse tanto aos que se negaban a aceptar que os humildes puidesen ter outra recompensa que o alén, como aos que pensaron que o paraíso na terra podía conquistarse con só desposuír dos seus bens aos que nunca coñeceran a miseria. A loita entre estas dúas fes, tan de seu antagónicas, acabaría por levarse por diante a moitos que, como o noso protagonista, creron que era posible conciliar democracia política, reformismo social e benestar común como a fórmula máis axeitada para garantir o progreso da sociedade e a atenuación das desigualdades de clase."

"De certo foi, en moitos aspectos, un adiantado ao tempo que lle tocou vivir."


FICHA

Título: Castor Sanchez Martínez: A conquista da cidadanía
Autor: Xulio Prada 
Edita: Editorial IrIndo 
ISBN: 978-84-76807-12-5

Publicacións populares deste blog

No fue en Eibar, fue en Ribadavia. La proclamación de la II República.

A tradicional implantación socialista na vila de Allariz