Armando Pompilio Fernández Mazas, o mestre da ATEO que refundou a FETE-UGT


Nacido en Ourense, o 30 de xaneiro de 1905, estudou na Escola Normal de Ourense, onde se graduou como mestre. No primeiro bienio republicano foi mestre na localidade e Bóveda (Amoeiro) e entrou en contacto coa Asociación de Traballadores do Ensino de Ourense (ATEO), organización que en 1936 acaba adheríndose á FETE-UGT. No ano 1932 gaña en propiedade a súa praza de mestre en Vilariño (Pereiro de Aguiar). Militou no POUM e nas Xuventudes Socialistas Unificadas, sendo habitual colaborador no xornal antifascista ourensán Espartaco e na revista da ATEO Escuela del Trabajo. Co alzamento militar fuxe cara Castro Caldelas e entre os anos 1942 e 1947 refúxiase en Castro Leboreiro cunha identidade falsa. Instálase despois en Valencia, onde é detido co seu amigo Juan Rodríguez Dever en 1955 e trasladado á prisión de Carabanchel. En 1963 reincorpórase ao maxisterio, primeiro na illa da Gomera e despois en Pombeiro (Pantón), onde se xubilou en 1975. Foi fundador no ano 1977 da FETE-UGT, da que foi o seu primeiro Secretario Xeral, así como da Agrupación Socialista da cidade de Ourense. Tamén ocupou diferentes cargos no seo da Unión Comarcal da UGT de Ourense. Desencantado polo rumbo que a nova política socialista estaba collendo, decidiu apartarse da vida política e sindical para recuperar e divulgar a obra artística do seu irmán Cándido Fernández Mazas, un notable artista plástico da vangarda. Creou o selo editorial Andoriña, no que publicou diversos traballos nos que recupera a memoria histórica de mestres e intelectuais ourensáns represaliados. Ademais de colaborar en distintos artigos en xornais locais, publicou as obras: Ourense , Atenas de Galicia (1989) e Política y pedagogía. Memoria teórica de un maestro de la ATEO (1990). Faleceu en Ourense en 1996.

FONTE:

  • CID FERNÁNDEZ, X.M. (2005): Mestres sindicalistas nos anos trinta. En III Xornadas do Mundo do Traballo, Ourense: Universidade de Vigo-CIG.

Publicacións populares deste blog

No fue en Eibar, fue en Ribadavia. La proclamación de la II República.

A tradicional implantación socialista na vila de Allariz