Marcelino Fernández Prada, un alcalde socialista exemplar (A Rúa de Petín-San Xulián 20.09.1895 - Lugo 08.06.1944)


Industrial e mestre de obras, á súa chegada a Coruña en 1928 procedente de Nova York permaneceu varios días detido. Estableceuse en San Clodio - Ribas de Sil (Lugo), onde foi elixido alcalde tras a repetición das eleccións municipais o 31 de maio de 1931. Ocupou dito cargo ata o 22 de xullo de 1936.

O 21 de abril de 1931 participou na constitución da Agrupación Socialista Obreira "Fraternidad y Trabajo" de San Clodio, vencellada á UGT e ao PSOE como Agrupación Socialista local desde maio dese mesmo ano, sendo ademais o seu primeiro presidente e representándoa no Congreso extraordinario do PSOE de xullo de 1931.

Participou activamente na Revolución de 1934, polo que se viu na obriga de fuxir cara Portugal ata pouco antes das eleccións de 1936. Foi candidato do PSOE por Lugo nas eleccións xerais de febreiro de 1936, aínda que non obtivo escano. No mes de abril foi elixido compromisario do PSOE por Lugo para a elección do novo Presidente da República (Manuel Azaña).

Fixo fronte á sublevación militar do 18 de xullo de 1936, polo que tivo que esconderse no seu domicilio para evitar a represión, malia que finalmente foi apresado pola Garda Civil en 1939. Pasou polas prisións de Ourense e Lugo, sendo condenado á pena de morte nun Consello de Guerra celebrado en 1941. Esta pena foille conmutada pola de trinta anos de reclusión, concedéndoselle a liberdade condicional a finais do ano 1942.

Tras a súa posta en liberdade estableceuse na cidade de Lugo e iniciou unha nova actividade industrial no sector da construción, falecendo tan só dous anos despois.

FONTES:


Publicacións populares deste blog

No fue en Eibar, fue en Ribadavia. La proclamación de la II República.

A tradicional implantación socialista na vila de Allariz