Pasou en 1940: O 01 de marzo de 1940 promulgouse a Lei para a Represión da Masonería e o Comunismo


O 01 de marzo de 1940, isto é, hai hoxe 78 anos, promulgouse a Lei para a Represión da Masonería e o Comunismo. Segundo esta lei "Constituye figura de delito, castigado conforme a las disposiciones de la presente Ley, el pertenecer a la masonería, al comunismo y a las demás asociaciones clandestinas a que se refieren los artículos siguientes. El Gobierno podrá añadir a dichas organizaciones las ramas o núcleos auxiliares que juzgue necesarios y aplicarles entonces las mismas disposiciones de esta Ley, debidamente aceptadas.".

Por todos é coñecida a insana obsesión que Francisco Franco tiña pola persecución e represión sistemática de todos aqueles colectivos sociais ou políticos que supuxeran, ao seu entender, unha ameaza para o establecemento do seu imperio de sangue e morte.

As penas impostas ían desde a incautación de bens ata a reclusión maior, ás que normalmente se lles engadían penas accesorias como a prohibición do exercicio de cargos públicos ou consellos de administración de empresas privadas, multas económicas, separación do servizo no caso dos funcionarios e un longo etcétera.

Entre 1941 e 1953 incoáronse 27.085 expedientes, condenando a perto de 9000 persoas polo simple feito de formar parte de organizacións como a masonería, o rotarismo, o rosacrucismo, a teosofía ou, como non, o comunismo. Persoas todas elas cuxo máximo delicto non foi outro que o de manter un pensamento propio, libre de ataduras ou convencionalismos sociais, pero en absoluto delincuentes, asasinos ou dexenerados como sempre pretendía facer ver o Réxime.

Con todo, non foi esta a única expresión dun estado represor, pois tanto antes como despois estes e outros colectivos foron sañudamente perseguidos polo estado do terror imposto polos fascistas. Só por poñer un exemplo, a simple participación nunha loxa masónica nos primeiros momentos tras o Golpe de Estado de 1936 era sancionada coa reclusión perpetua ou reclusión maior por 30 anos, agravada coa pena de morte se o irmán masón en cuestión ostentaba o grao 18º ou superior.

Xa que logo, queremos ter aquí un pequeno recordo para todas aquelas persoas que pola súa condición de librepensadores ou simples opositores a un réxime antidemocrático sufriron persecución ou morte, véndose obrigados -no mellor dos casos- a fuxir ao exilio ou a sobrevivir nunha España gris e sen liberadades.


Publicacións populares deste blog

No fue en Eibar, fue en Ribadavia. La proclamación de la II República.

A tradicional implantación socialista na vila de Allariz